No 2005, os pais xubiláronse e Paco e seu irmán José Ramón colleron o relevo “un pouco por tradición e porque estaba funcionando ben”. Con eles chegou tamén a revolución. “Antes só se facían prácticas de coche e moto, pero nós diversificamos en función das esixencias do mercado”, explica. Agora imparten cursos de camión, de vehículos artellados, do Servizo Público de Emprego para persoas desempregadas, formación para CCOO e UXT, para obter o Certificado de Aptitud Profesional, cursos de mercadorías perigosas...
Tamén se adaptaron ás novas tecnoloxías. “Instalamos equipos informáticos para facer os tests, pantallas táctis, proxectores para as clases”, recorda Paco Ademais, ampliaron a súa flota ata once vehículos. “Entre o 2010 e o 2013 foron anos terribles. Non había cartos e os rapaces non podían sacar os permisos”, explica. A pesares deste “parón xeralizado”, a Autoescola Barrantes soubo saír adiante. “Ao ser familiar e dedicarlle máis horas das que deberiamos, funciona relativamente ben. Adaptámonos ás necesidades do alumnado e hai cursos que impartimos as fins de semana”, comenta Paco. Traballades de luns a luns? “Digamos que si”, responde. “Funciona ben grazas á amplitude horaria e ao sacrificio persoal dos autónomos”.